Sistema Preventivo

Da experiencia vital de Don Bosco xorde a súa forma de entender a pastoral e o seu estilo pedagóxico. Don Bosco define o seu método educativo dun modo global a partir de tres alicerces: a razón, a relixión e o amor. O fin do seu sistema preventivo resúmeo en conseguir dos nenos e mozos que sexan “bos cristiáns e honrados cidadáns”.

O Sistema Preventivo de Don Bosco é a base da pedagoxía salesiana. Caracterízase por:

  • A vontade de estar entre os mozos compartindo a súa vida, mirando con simpatía o seu mundo, atentos ás súas verdadeiras esixencias e valores.
  • A acollida incondicional, que se converte nunha aposta polas capacidades e habilidades do novo e unha incansable capacidade de diálogo e confrontación de ideas baixo a perspectiva de análise dun espírito crítico.
  • O criterio preventivo, que cre na forza do ben que hai en todo mozo, aínda no máis necesitado, e trata de desenvolvela mediante experiencias positivas que buscan o ben.
  • A centralidade da razón, que fai razoables as esixencias e as normas; que é flexibilidade e persuasión nas propostas; da relixión, entendida como desenvolvemento do sentido de Deus innato en cada persoa e esforzo de evanxelización cristiá; do amor, que se expresa coma un amor educativo que fai crecer e potencia as boas acción.
  • Un ambiente positivo tecido de relacións persoais, vivificado pola presenza educativa que cre nas capacidades do rapaz, que esixe desde o compromiso persoal, que é solidaria e é animadora do protagonismo dos mozos.