Lema do Curso

O SABOR DA FELICIDADE

Nunca crin que fosen tantos os afeccionados á cociña, que, como a vida, adoita mesturar esixencias e satisfaccións. Estes artistas dos fogóns, ou da existencia, ensináronnos a mastigar, a saborear e a dixerir o que comemos ou o que deixamos de comer. E mira que na vida hai que mastigar, saborear e dixerir...; sen dúbida, todo un descubrimento.

Non sei por que coido que a vida e a felicidade aderézanse con condimentos semellantes. Porque a felicidade, como un manxar exquisito, prepárase, cocíñase, sérvese. Imos especializarnos este curso 2017-2018, en preparar, cociñar e servir a felicidade; poñeremos en funcionamento o chef do corazón para atopar a receita oportuna, condimentar a historia de cada día e regalar a ledicia de servir. En síntese, a felicidade hai que preparala, hai que cociñala, hai que agarimala á hora de servir.

A felicidade conquístase. Non se relaciona cun golpe de sorte, conquístase como quen consegue o amor da súa vida. A felicidade vai asociada ao esforzo de cada día, ao traballo por achar o seu rumbo esixente. Nacemos para ser felices, pero ninguén nos regala a felicidade. É unha arte que se aprende, que se traballa, que se recrea. A felicidade conseguida no esforzo ten outro sabor, fronte a tantos saberes que non saben a nada ou que deixan mal sabor de boca. “O sabor da felicidade” deixa atrás outros saberes.

A felicidade compártese. A felicidade preparada, conquistada, necesita ser aderezada convenientemente, xa que a felicidade é unha arte en compañía. Nunca seremos felices en solitario; temos que deixarnos acompañar doutras persoas que, por camiños semellantes aos nosos, son expertos na busca da felicidade. Porque a felicidade é tamén unha arte de experiencia. Isto hate levar a descubrir que a felicidade encárnase na vida de cada persoa de xeito diferente. Por iso, para cociñar a felicidade será bo “facer o que el vos diga”. Non serás feliz vivindo polas esquinas. Saborea o gozo da inmensa compañía. “O sabor da felicidade” precisa compañeiros de camiño.

A felicidade amósase no servir. A felicidade esixe abrir ben os ollos: aquilo de que “a comida entra polos ollos”. A cara da felicidade mestúrase co servizo. “Quen queira ser o máis feliz entre vós que aprenda a servir”: por iso, non é de estrañar que moitos o recoñecesen ao partir o pan”. Estamos a falar da alegría de servir, do darse; esa alegría que necesita ser aireada, coñecida, experimentada. Que os que te rodean saiban o que te fai feliz ou infortunado. Só unha vida que se entrega produce felicidade; só unha vida de servizo é camiño para a verdadeira felicidade. “O sabor da felicidade” identifícase con quen, por servir, entregou a súa vida.

Contan que “o sabor da felicidade” se atopa nunha vida que ten como condimento o traballo, a solidariedade e o servizo. Imos por en práctica estas habilidades. O curso 2017-2018 é unha boa oportunidade para vivir unha nova experiencia. O sabor da vida é o sabor da felicidade, ou viceversa. Fagamos xuntos, como inmensa compañía, o camiño da felicidade. ¡Chegou a hora! É tempo de comezar!