Arte e talento sobre a madeira do Rosalía

As alumnas e irmás María e Sara Ruiz destacadas con primeiro e segundo premio nas categorías de ESO e Bacharelato no VI certame de monólogos en galego celebrado o pasado mércores no Teatro Rosalía. 

Diego Segret, Claudia Pereira, Álvaro Villalta, Lucía Larrosa, Marcela de León, Raúl Vergara, Anxo Vázquez e Mateo Pita que concorreron na Categoría A (1º e 2º da ESO); Paula Irago, Abril Ovejero, David Béjar, Izán Mirás e Sara Ruíz na Categoría B (3º e 4º da ESO) e María Ruíz, Alberto Mahía, Adrián Haz, Carmen Fontenla, Marta Fernández na Categoría C (1º e 2º de Bacharelato).

Todos e todas elas, acompañados de familia e profesorado, tiraron de talento, inxenio e humor para faceren até 17 monólogos en lingua galega, participando –na convocatoria máis numerosa que se recorda– xunto con alumnado doutros centros educativos da Coruña.

Para orgullo desta casa e unha vez superada a lupa dun xurado constituído por cómicos profesionais como Pedro Brandariz ou membros das Áreas de Normalización Lingüística do Concello, as irmás Ruíz Platero –Sara e María– trouxeron consigo un terzo dos galardóns da noite ao conseguiren un primeiro e segundo premio nas categorías correspondentes ao segundo ciclo da ESO e de Bacharelato, cos monólogos titulados: “Espiar os veciños” e “Que complicado é ver unha serie!”.

A banda sonora da noite foinos tamén familiar, tinguida por notas de Jazz que saían dos mans doutra compañeira de Bacharelato, Paula García, e da banda da que forma parte: Jazz Up.

Unha delicia en forma de sorpresa que sería presaxio dunha outra nova celebración da que todos os e as presentes puidemos ser partícipes nesa fría e emotiva tarde do 20 de decembro.

Baixo a tenue iluminación dos vellos candeeiros, xa fóra de horario lectivo das tardes e de forma totalmente voluntaria, un importante número de estudantes apareceron no teatro para dar azos con apupos en galego ós seus compañeiros.

Pouco máis se pode dicir xa. Sobre a madeira foi destacado o talento e o traballo do noso alumnado. Xa na rúa, sobre a pedra mollada, destacamos nós a calidade humana, a deportividade e o compañeirismo de todos eles e de todas elas.

Hai canteira, e mentres sigan estes rapaces mantendo vivo o facho da lingua galega, haberá tamén futuro.

Parabéns, pois, en nome do profesorado do centro para todos e todas elas!

Pincha aquí para ver o álbum coas fotos do concurso

 

ESO/BTO